xoves, 27 de maio de 2021

OBRADOIRO DE IGUALDADE DE XÉNERO

Hoxe realizamos un pequeno obradoiro para traballar valores e actitudes de igualdade libres de estereotipos. Foi impartido por Priscila Retamozo e ofertado polo CIM de Pontevedra (Centro de Información á Muller).

Fixemos unha presentación na que resaltamos os nosos valores e os valores que vemos nos demais. 

Debatimos sobre estereotipos. Lembramos actividades realizadas nos dous últimos cursos relacionadas coa igualdade e comentamos arredor de dous pequenos videos.

 

xoves, 20 de maio de 2021

XXIX CERTAME DE POESÍA E CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS

Un ano máis celebramos o CERTAME DE POESÍA e xa imos polo XXIX, pero fixémolo dunha maneira diferente por mor da COVID-19.

Nas nosas aulas limos as poesías. Despois baixamos ao patio para recitar a poesía escollida de cada grupo. Primeiro, realizouse a lectura e a entrega dos diplomas correspondentes aos grupos B e a 6ºC de Primaria e logo tocoulle aos grupos A. 


Foi un día especial que adicamos a figura de XELA ARIAS con actividades moi variadas:

Escoitamos e vimos o videoclip  Darío a diario da Banda da Loba:

Montamos uns "comecocos" con preguntas sobre a autora homenaxeada.

Despois do recreo, disfrutamos co concerto de  Pakolas que presentou en streaming o álbum  "Ramona Órbita a dona do tempo". Bailamos ao ritmo marcado polo artista desde os nosos "postos".

Preme sobre a imaxe

 

 

venres, 14 de maio de 2021

TRABALLAMOS CO CÓDIGO QR

EXPOSICIÓNS ORAIS NAS AULAS DE 4º

O día 22 de abril iniciamos un ciclo de exposicións con temas de Ciencias Sociais ou Ciencias da Natureza en lingua galega.

A exposición é individual cunha duración máxima de dez minutos e pode acompañarse con fotos, esquemas, diapositivas, presentación PPT que se mandan por correo-e ou nun lapis de memoria ou de cartolinas-murais, libros ou contos que poden amosarse, pero non compartirse por mor das medidas pola pandemia.

A orde de participación realizouse por sorteo nas nosas aulas.

A listaxe dos temas é moi variada e aprendemos a facer unha pequena exposición sobre un tema do noso interese e a ser un público entusiasta e respectuoso coas aportacións dos demais.

Compartimos as montaxes coas imaxes das nosas exposicións:

Video  4º A

Video  4º B

 

luns, 3 de maio de 2021

MARÍA CANOSA E TAMARA ANDRÉS EN 4º

Hoxe, grazas ao SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL, recibimos a visita nas nosas aulas de dúas escritoras:

MARÍA CANOSA BLANCO foi a autora que pasou pola clase de 4ºA e contounos como era o proceso de creación dos seus libros. Explicounos que as ideas  víñanlle nos lugares máis insospeitados, e que aproveitaba calquer intre de inspiración para escribir os seus relatos. Díxonos que, antes de pasar os seus contos a ordenador, escríbeos a man nun caderno moi persoal. Animounos a contar as nosas historias para facer voar a nosa imaxinación. 

 

TAMARA ANDRÉS PADÍN, poeta e tradutora,  realizou un obradoiro de POESÍA na clase de 4ºB

Palabras con sentidos e desde os sentidos. 

Palabras co corazón. 

Cambiamos letras, incorporamos debuxos, interpretamos versos e deixounos unha "proposta poética no aire" con ❀❁❀❁.